miércoles, 10 de noviembre de 2010

Presentación Redelibros.com


O próximo 12 de novembro, ás 20:30, presentamos oficialmente Redelibros. O lugar elixido é a taberna-taller Detrás do Marco, na rúa Londres, transversal do Príncipe, en Vigo. Un lugar moi especial para unha cita moi especial: a inauguración da vosa rede social. Alí, ademais da presentación propiamente dita, poderedes gozar de música en directo, a actuación do contacontos Anxo Moure (que está desenvolvendo un orixinalísimo labor por Galicia adiante a lombos da súa "ciclobiblioteca") e os suculentos petiscos saídos da cociña de Detrás do Marco, que seguro vos sorprenderán...

Á presentación, por suposto, estades todos invitados. Pero, como ao cabo trátase de inaugurar unha rede social de literatura, ímosvos a pedir un favor moi especial: que traiades cada un de casa un libro para trocar. Un libro que vos gustara, ese que sempre recomendades, o que máis vos calou nos últimos meses, o que vos supuxo unha revelación... A graza está en que sexa un libro que apreciedes de verdade, non o primeiro que vos quede a tiro! Unha vez en Detrás do Marco, pedirémosvos nun momento determinado que troquedes o voso libro por outro que vos atraia e vos apeteza, de entre os que traian os demais asistentes. Unha forma divertida de romper o xeo e irnos coñecendo, non vos parece? Cunha vantaxe engadida: seguro que todos levamos para casa unha boa lectura..

No hay comentarios:

Publicar un comentario